Resultados do foro Teo Decide

Abaixo podedes descargar o PDF coa acta relativa ao FORO DE DEVOLUCIÓN do programa TEO DECIDE: CAMIÑOS SEGUROS, que tivo lugar o pasado mes de maio e na que se dá conta dos resultados desta iniciativa, incorporando a información detallada das sendas que se van a executar durante o período 2016-2019 por parte da administración local.

O concello agradece a participación da veciñanza e “a vosa implicación, constituíndo TEO DECIDE unha aprendizaxe para todos/as, en canto á súa metodoloxía, contidos e debates, xa que a participación é un elemento de transformación que outorga maior lexitimidade ás actuacións públicas ao incoporar diferentes voces e reflexións colectivas.”

Acta 2º Foro Camiños Seguros [PDF, 677 KB]

Advertisements

Festeo 2016

O Concello de Teo presenta o programa da primeira edición do Festeo, unha xornada de festa, actividades e convivencia aberta á participación de todos os veciños e veciñas e tamén de persoas de fóra do municipio. A celebración terá lugar o domingo 5 de xuño na Carballeira de Francos (ver mapa de abaixo; está no centro), a partir do mediodía, e outórgalle un protagonismo especial ao tecido asociativo de Teo.

Haberá exhibicións, obradoiros, roteiros, teatro, música… toda a información en http://teo.gal/actualidade/nova.php?id=1735&lg=gal

13308162_1150003931717909_3111399757150075715_o-1

Convocatoria “Teo decide: Camiños seguros”.

Reproducimos a mensaxe do concello recibida no correo da asociación de veciños:

Dende o goberno do concello de Teo, cremos na necesidade de traballar para ampliar os espazos de decisión da sociedade deste concello. TEO DECIDE é a denominación que escollimos para visibilizar o programa de traballo destinado a fomentar a participación dos seus veciños e veciñas na planificación dos seus servizos e proxectos. Dentro desta liña decidimos comezar por unha das necesidades mais sentidas por parte da cidadanía teense, a de contar con unha rede de sendas peonís que faciliten os desprazamentos a pé, de xeito seguro e cómodo. Nace así TEO DECIDE: CAMIÑOS SEGUROS, co obxectivo céntrase no deseño de sendas peonís que permitan á veciñanza de Teo desprazarse dun sitio a outro a pé ou en bicicleta, nas mellores condicións de seguridade e benestar.

Despois de recompilar datos sobre a mobilidade no concello e contrastar a información coas asociacións veciñais, abrimos agora un período de recepción de propostas de sendas sobre as que poder traballar no Foro Aberto á cidadanía que se celebrará o 12 de marzo.

A idea é que coas achegas das asociacións veciñais, as propostas de sendas que cheguen a través desta vía e o traballo que fagamos no Foro Aberto, poidamos contar cunha relación de sendas posíbeis ordenadas por prioridade.

Para enviarnos as propostas de sendas non tedes máis que cubrir a ficha que adxuntamos. O prazo de recollida de propostas rematará o 26 de febreiro.

Se tes calquera dúbida, podes contactar connosco a través do correo teodecide (arroba) concellodeteo.com ou nos teléfonos: 609 909 564, 627 570 943, 629 747 336

MOITAS GRAZAS POLA TÚA COLABORACIÓN