Fotos San Xoán 2010

cacharela 2010

Xa están na web as fotos da noite de San Xoán e da sardiñada de 2010. Este ano hai poucas porque, dos dous fotógrafos que temos habitualmente, un estaba de viaxe (e coa cámara estropeada, para máis INRI), e o outro estaba asando chourizos.

Aquí está a galería.

Advertisements

Non derrochar auga

Dende o Concello de Teo pídese “un consumo responsable de auga nos vindeiros meses, sobre todo no que se refire a piscinas privadas e sistemas de rego”. De feito o goberno municipal xa deu orde de limitar o tempo de rego en zonas verdes públicas. “Sen querer parecer alarmistas, a gravidade da situación actual fai que non se descarte que durante o verán se produzan cortes puntuais de auga” explica Rafael Sisto, concelleiro de urbanismo e obras.

Información completa en concellodeteo.com: O Concello amosa a súa preocupación pola situación de escaseza de auga potable.

¡Non! ¡A sardiñada coincide co mundial!

España 0 - Suiza 1
España 0 – Suiza 1, por blogpocket (cc)

Cando puxemos data á sardiñana nada sospeitábamos desta horrorosa coincidencia horaria co decisivo partido España – Chile do mundial. Non sabemos que vai ocorrer. ¿Aparecerá alguén cunha tele para que poidamos ver o partido mentres asamos as sardiñas? ¿Cantaremos os goles atragantados de chourizos e pan de bola? ¿Como responderá a comunidade augamansina ante esta complicada disxuntiva? A solución, esta noite, ás 9h, ao lado da piscina. O único que podemos garantir é que os organizadores, as sardiñas, os chourizos, as empanadas, a cervexa, a sangría e unha radio AM/FM estaremos alí coma cravos, colocando todo desde as 20.30h.

Actualización: salvo imponderables técnicos, poderemos ver o España – Chile en directo desde a sardiñada. Temos unha vella tele de tubo e trinta metros de cable de antena. Será a sardiñada máis kitsch e surrealista da historia de Augas Mansas.

San Xoán e Sardiñada 2010

San Xoan 2009
A cacharela de 2009, momentos antes de ser acendida.

Como xa sabedes, o mércores 23 de xuño xuntarémonos cando empece a anoitecer para celebrar o San Xoán no mesmo lugar de sempre: xunto as piscinas. Antes, a partir das cinco da tarde, Pepe estará xa alí repartindo rifas entre tódolos nenos que se animen a levar a leña para facer as dúas fogatas, a grande e a pequena. Cando a leña estea lista, terá lugar un sorteo de premios sorpresa entre os participantes.

Por outro lado, a sardiñada queda convocada para o venres 25 de xuño ás 21h. (Xa sabedes, por outros anos, que facemos a sardiñada en día diferente ao San Xoán, coincidindo coa fin de semana para que a xente que queira quedar ata a madrugada poida facelo sen ter que madrugar polo traballo ao día seguinte.) Empezaremos a colocar as mesas e o resto de bártulos necesarios arredor das 20.30h; os que se animen a achegarse a esa hora para axudar a colocar as cousas serán benvidos.

Xabier P. Docampo na Mediateca

xavier p. docampo

Hoxe sábado, ás 20.30h, Xabier P. Docampo falará coa xente de Teo moi perto de Augas Mansas: na Mediateca do Grilo. Será un acto de recuperación de Memoria Histórica titulado O ensino nacionalcatólico. Experiencias dun neno dos 50.

Reproducimos a nota de prensa que emitiu a asociación organizadora, A Oliveira:

A Oliveira de Teo convida ao público en xeral a se achegar á Mediateca Municipal O Grilo, este sábado 19 de xuño, ás 20,30 horas, para asistir á charla que vai impartir o mestre, escritor, articulista de prensa, colaborador de radio e televisión, activo fundador de movementos de renovación pedagóxica, conferenciante con ampla experiencia, actividade que o levou por latitudes diversas do mundo para impartir diversos cursos, o chairego Xabier P. Docampo. A conferencia leva por título: A educación nacional católica. Experiencias dun neno dos 50.

A de escritor é talvez a labor pola que é máis coñecido Xabier P. Docamo. Está considerado por crítica e público como un dos máis relevantes de Galicia, cun papel de primeira liña na renovación da literatura xuvenil galega. Os seus libros foron recoñecidos con importantes galardóns (Feira do Libro de A Coruña, Emilia Pardo Bazán, á mellor obra de Literatura Infantil e Xuvenil en Galicia, Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil do Ministerio de Educación, Rañolas, IBBY Honour List 1996, ou The White Ravens da Jugendbibliothek de Munich).

Da Oliveira de Teo queremos resaltar tamén o seu traballo como activo militante a prol do idioma galego, que mesmo acrecentou nestes tempos que andamos, nos que a nosa lingua sufriu, e está a sufrir, un ataque sen precedentes, por parte de persoas e organizacións que practican a intolerancia desde un fanático sentimento de racismo lingüístico.

Quen escoitou algunha vez o conferenciante co que temos a honra de contar na Oliveira de Teo para esta charla que anunciamos, sabe da calidade da súa oratoria. Por iso estamos convencidos de que, da man do rigor e amenidade das palabras de Xabier P. Docampo, os asistentes participaremos nun interesante acto de recuperación de memoria histórica.

Contamos coa súa presenza nas instalacións municipais da Mediateca O Grilo, que agradecemos de antemán.