Xuntanza de veciños de Augas Mansas

Hai uns días, falando entre varios veciños, comentabamos que estaría ben xuntarnos para falar de como van as cousas na urbanización e intercambiar impresións e ideas, tomando unha caña ou un cafe, sen demasiadas pretensións. Hoxe mesmo quedamos en que poderíamos vernos mañá domingo 12 de decembro ás 19.45 no Pórtico.

Animamos á xente que teña un mínimo de interés en Augas Mansas a que pase por alí. Vémonos.

¡Un xardineiro en Augas Mansas!

xardineiro

Agora mesmo, xoves, 9.30 da mañá, acabamos de facerlle a foto de arriba. En realidade hai dous xardineiros, que a parte do da foto veu outro máis cunha desbrozadora. Sorprendeunos, acostumados a que nos viñeran nada máis que unha vez ao ano, os días previos á sardiñada do San Xoán. Resulta que O concello contratou o mantemento das zonas verdes e axardinadas públicas do Concello de Teo cunha superficie de case 100.000 metros cadrados. Boa noticia.

Focha

focha

Hai cousa de dez días apareceron uns señores que abriron unha zanxa de lado a lado na estrada que une Cacheiras e Milladoiro ao seu paso por Augas Mansas. Non sabemos que empresa é nin para que abriron a zanxa; o que si sabemos é que, en lugar de restaurar a estrada e deixala como estaba antes de traballar nela, deixárona alegremente así como se pode ver na foto. Agora, aparte das habituais bandas redutoras de velocidade ás que xa estamos resignadamente acostumados, temos tamén esta focha que pouco a pouco vai adquirindo a profundidade dunha trincheira da primeira guerra mundial.

Antonte (30 setembro) pola tarde, chamamos á policia local de Teo para pedir axuda con este tema. Tomaron nota e aseguraron que investigarían o asunto e farían o posible por que quedara arranxado canto antes.

Xa funcionan todos contenedores novos

Anúnciano na páxina do concello: Comezan a funcionar os colectores subterráneos de recollida selectiva nos Tilos e en Augas Mansas.

Por certo que ao entrar na web do concello enteirámonos tamén de que O Concello colocará unha pantalla para ver as últimas etapas da Volta no pavillón municipal Ezequiel Mosquera.

clasificación ezequiel mosquera etapa 18 vuelta españa

Resulta que Ezequiel, o ciclista teense que da nome ao pavillón sito no cole da Ramallosa, vai de segundo na Vuelta ciclista a España, e con opcións de quedar de primeiro…

Non derrochar auga (II)

Lemos en concellodeteo.com:

O Concello reitera a petición de que a cidadanía faga un uso responsable da auga potable. (30/07/2010)

O Concello de Teo volve dar a voz de alarma respecto do consumo de auga potable. Nestes días polas altas temperaturas estase detectando unha escaseza de fluxo sobre todo nas zonas altas do Concello, a onde chega con pouca presión.

O alcalde explica que “nas zonas verde públicas séguese mantendo a orde de restrinxir o rego e pediríamos aos particulares que teñan en conta esta medida xa que nunha situación de escaseza de subministro débese primar o consumo para uso persoal”.

A principios de verán dende o Concello xa se trasladaba que existía o risco de que durante o verán se tiveran que realizar cortes puntuais de auga potable. Estes días de extremo calor o depósito da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Pontevea ten un volume suficiente mais é o alto consumo o que fai que o fluxo que vai polas tuberías faga que nas zonas máis altas se note escaseza.

Para evitar esta situación “a única receita que se pode recomendar a medio prazo é a petición dun consumo responsable sobre todo para regos ou piscinas” explica o alcalde. No último mes “acordouse coa empresa xestora do servizo a posta en marcha dunha segunda bomba como unha solución puntual para garantir o mantemento do nivel de auga preciso no depósito” destaca Noriega.

A ETAP de Pontevea, está ó límite da súa capacidade de producción e para dimensionar a instalación é preciso un investimento dun millón de euros que xa está recollido nos orzamentos xerais do estado dende o 2008 pero que polo de agora as administracións supramunicipais, Ministerio e Xunta de Galicia, non vehiculizaron.