Encontro da veciñanza na Piscina Municipal da Ramallosa

Imaxe

A Piscina da Ramallosa e mais a Concellería de Benestar Social, Igualdade e Participación Veciñal convocan unha tarde para que os socios e sociais das asociacións veciñais poidan gozar de xeito gratuíto das seguintes actividades:

  • Piscina cuberta
  • Xogos para nenos na pista multideporte de 17:30 a 18:30
  • Sala de actividades, clases de ximnasia de media hora para adultos de 17:30 a 18:00 e de 18:00 a 18:30.

DIA 3 DE MAIO, SÁBADO TARDE, a partir das cinco.

Para participar nesta actividade, cómpre inscribirse e os/as veciños interesados/as poden poñerse en contacto con Xurxo Bértola, na casa 53 ou a través desta canle, para facelo.

O sábado 14 de decembro celébrase a Feira Local de Segunda Man

A Asociación de Veciños Augas Mansas participa cunha mesa na que poderán estar os veciños e veciñas que lles interese. Os horarios van desde as 12.00 ás 14.30 e das 16.00 ata as 20.00 horas. A partir das 10.30 estará aberto o pavillón da Ramallosa, e poderase acceder a el pola parte do colexio, hai un portalón que permite acceder case ate adentro, o que facilitara moito a descarga dos enseres voluminosos.

As persoas que queiran estar na mesa da AVV Augas Mansas poden facelo libremente con só presentarse. Boa feira.

Animacion Feira Local 2013

O Concello organiza unha feira de segunda man na que poderán participar asociacións e particulares

SegundaManTeo2013

O Concello de Teo organiza unha feira local de segunda man que se celebrará o 14 de decembro. Nesta ocasión este espazo de compra-venda-troco de artigos estará aberto á participación de asociacións e particulares. En edicións anteriores só participaban asociacións do Concello.

A feira local de segunda man celebrarase no pavillón municipal da Ramallosa. O horario será de mañá e tarde. Abrirase de 12:00 a 14:30 e de 16:00 a 20:00. A intención desta iniciativa é darlle unha segunda oportunidade a moitos obxectos seminovos e usados.

As persoas interesadas poden poñerse en contacto directamente co Concello para recabar información (981 809 707 /981 815 700). A nosa asociación ten solicitado un espazo, polo que os socios e socias que queiran expoñer os seus obxectos neste espazo deben contactar connosco para organizarnos. En calquera caso, as persoas interesadas deberán estar presentes durante a feira para realizar os tratos. A primeiros do mes de decembro teremos unha reunión co responsable municipal do evento, tras a que informaremos dos detallles.

Animacion Feira Local 2013

Insuficiencias no filtro da piscina producen episodios de auga turbia

PiscinaAugasMansas2

Prezados/as veciños/as:

Onte produciuse a segunda insuficiencia no filtro da piscina desta tempada, o que provocou que auga estivese turbia. Con todo, e malia a aparencia, o ph e o nivel de cloro eran aptos para o baño segundo me informou o técnico de Piscinas Cacheiras. Tamén me informou de que é moi probable que en toda a vida das instalacións nunca se teña feito un cambio das areas filtrantes da depuradora, polo que, cando o calor é forte, como este ano, estas areas xa moi usadas non dan feito e por iso se producen estes episodios.

Se estas areas non están ao xeito é porque os nosos anteriores provedores de servizos e administración non estaban a facer o seu traballo como era debido. Aspecto este que agora estamos a comprobar. Esperemos que cos cambios realizados na administración e mantemento da piscina eviten estes estremos en futuras campañas.

Esta tempada xa está rematando e coido que, aínda tendo observado problemas evidentes, estes non son consecuencia dun traballo mal feito na actualidade, senón de fallos cometidos hai tempo. Pola parte que me toca, os asumo, pero creo que é evidente que os membros da directiva non eran nin somos técnicos en depuración de augas nin administradores e me consta que sempre nos temos cinxido ao asesoramento dos técnicos contratados.

Por outra banda, e aínda comprendendo que algunhas persoas se sintan molestas con estes problemas (eu tamén me sinto molesto como usuario e propietario), gustaríame lembrar que a directiva é un grupo de voluntarios/as que o fai como mellor sabe e que gasta boa parte do seu tempo libre en preocuparse polo funcionamento dos espazos e servizos colectivos. Como usuarios e propietarios, todos/as e cada un/ha de nós, temos o dereito e a obriga de velar polos intereses comúns e, polo tanto, temos o dereito e a obriga de cooperar para que isto funcione.

Lembravos tamén que o novo administrador está á vosa disposición para trasladarlle calquera aviso ou reclamación no tocante aos servizos comúns.

Recibide un saúdo,

Xurxo Bértola

O Concello de Teo procura voluntariado para este verán

voluntariadoVeran2013

Desde a Concellería de Benestar Social,  Igualdade e Participación Veciñal comunícannos que “parte dos voluntarios e voluntarias van coller vacacións e sería moi importante poder contar con algún reforzo para non paralizar os servizos do banco de alimentos e do roupeiro municipal”. Quen teña algo de tempo libre e ganas de partillalo nunha actividade solidaria, animámolo a colaborar.

Convocatoria de Asemblea Xeral Ordinaria 2013

Prezados veciños,

Convocámosvos á Asemblea Xeral que se celebrará o vindeiro 19 de xuño no local da Asociación A Baiuca de Solláns, que amablemente nos cede de novo o seu espazo de xeito desinteresado para que poidamos realizar a nosa reunión, que comezará ás 20:45 en convocatoria única.

A orde do día da asemblea odinaria é a seguinte:

  1. Aprobación das contas do exercicio 2012.
  2. Constitución da comisión para a festa de San Xoán.
  3. Estudo e aprobación, se procede, de nova proposta económica para os labores de administración.*
  4. Propostas e consultas.

*A directiva vén de recibir unha proposta económica moi interesante que se someterá á decisión da Asemblea.

 LocalizacionABaiuca

O local da Asociación A Baiuca está preto do Restaurante Neira, en Solláns (ver plano). Dispón de amplo aparcadoiro.