Esta película documental de case 90 minutos conta a situación actual do pobo jíbaro e a súa loita na Amazonía peruana contra as consecuencias da globalización
O documental pódese ver na Mediateca do Grilo o martes 28 de maio ás 20:00 horas coa presenza da autora
24 de maio de 2013. O Concello de Teo proxecta o martes 28 de maio ás 20:00 horas na Mediateca do Grilo a película documental “APASH, los de fuera”. Trátase dunha peza audiovisual na que a realizadora Cora Peña se achega á realidade do pobo jíbaro e a súa situación na Amazonía peruana, principalmente o xeito no que conviven coas consecuencias da globalización.
Esta actividade está programada pola Concellaría de Igualdade, dirixida por Ignacio Iglesias. A realizadora e operadora free lance Cora Peña, veciña de Teo, é a alma e a impulsora deste proxecto a través do que se lle quere dar voz ó pobo jíbaro. Ela destaca o “enfoque comprometido e persoal da cinta” e expresa o seu desexo de que “sexan moitos os espectadores que vexan e escoiten a voz dos jíbaros”.
Esta película independente é de 2011 e contou coa coproducción de TVG. Ten participado no Festival Internacional del Nuevo Cine Latinoamericano de La Habana, Cuba no 2011; nos Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual no 2012 e foi seleccionado este ano para o X Festival de Cine y Derechos Humanos de Barcelona ou para o Nepal International Indigenous Film Festival en Nepal.
Cora Peña estivo durante meses na Amazonía peruana co empresario e aventureiro Antonio Abreu. Abreu visitaba a zona para reencontrase co seu amigo indíxena Alfonso Graña, posible fillo dun emigrante galego glorificado no seu día como “rei dos jíbaros”; entregarlle ós nenos awajún unhas camisetas dun equipo de fútbol e pedirlle á empresa peruana Pluspetrol Perú que colaboraran no desenvolvemento das comunidades amazónicas. Segundo explica a propia realizadora estas tres misións de Abreu encerran contradiccións, que se intentan descifrar no documental escoitando e combinando explicacións de indíxenas, expertos amazónicos e políticos.
APASH, los de fuera conta a loita dos jíbaros peruanos na Amazonía actual onde o seu inimigo é un goberno que cede as súas terras a multinacionais extractivas. Para Cora o maior reto desta película “é facer sentir ó espectador occidental que os indios existen, que non son un decorado do planeta Terra, rescatando a súa voz e a súa reivindicación”. Segundo a autora da película “os guardiáns do bosque queren contar que están acorralados pola voracidade extractiva de Occidente e que a Amazonía, o seu fogar e o pulmón da Terra está en grave perigo de destrucción”.
Fonte: Ignacio Iglesias, Concello de Teo.