Lemos en concellodeteo.com:
O Concello reitera a petición de que a cidadanía faga un uso responsable da auga potable. (30/07/2010)
O Concello de Teo volve dar a voz de alarma respecto do consumo de auga potable. Nestes días polas altas temperaturas estase detectando unha escaseza de fluxo sobre todo nas zonas altas do Concello, a onde chega con pouca presión.
O alcalde explica que “nas zonas verde públicas séguese mantendo a orde de restrinxir o rego e pediríamos aos particulares que teñan en conta esta medida xa que nunha situación de escaseza de subministro débese primar o consumo para uso persoal”.
A principios de verán dende o Concello xa se trasladaba que existía o risco de que durante o verán se tiveran que realizar cortes puntuais de auga potable. Estes días de extremo calor o depósito da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Pontevea ten un volume suficiente mais é o alto consumo o que fai que o fluxo que vai polas tuberías faga que nas zonas máis altas se note escaseza.
Para evitar esta situación “a única receita que se pode recomendar a medio prazo é a petición dun consumo responsable sobre todo para regos ou piscinas” explica o alcalde. No último mes “acordouse coa empresa xestora do servizo a posta en marcha dunha segunda bomba como unha solución puntual para garantir o mantemento do nivel de auga preciso no depósito” destaca Noriega.
A ETAP de Pontevea, está ó límite da súa capacidade de producción e para dimensionar a instalación é preciso un investimento dun millón de euros que xa está recollido nos orzamentos xerais do estado dende o 2008 pero que polo de agora as administracións supramunicipais, Ministerio e Xunta de Galicia, non vehiculizaron.