Arquivo da categoría ‘teo’

Non derrochar auga (II)

Sábado, Xullo 31st, 2010

Lemos en concellodeteo.com:

O Concello reitera a petición de que a cidadanía faga un uso responsable da auga potable. (30/07/2010)

O Concello de Teo volve dar a voz de alarma respecto do consumo de auga potable. Nestes días polas altas temperaturas estase detectando unha escaseza de fluxo sobre todo nas zonas altas do Concello, a onde chega con pouca presión.

O alcalde explica que “nas zonas verde públicas séguese mantendo a orde de restrinxir o rego e pediríamos aos particulares que teñan en conta esta medida xa que nunha situación de escaseza de subministro débese primar o consumo para uso persoal”.

A principios de verán dende o Concello xa se trasladaba que existía o risco de que durante o verán se tiveran que realizar cortes puntuais de auga potable. Estes días de extremo calor o depósito da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Pontevea ten un volume suficiente mais é o alto consumo o que fai que o fluxo que vai polas tuberías faga que nas zonas máis altas se note escaseza.

Para evitar esta situación “a única receita que se pode recomendar a medio prazo é a petición dun consumo responsable sobre todo para regos ou piscinas” explica o alcalde. No último mes “acordouse coa empresa xestora do servizo a posta en marcha dunha segunda bomba como unha solución puntual para garantir o mantemento do nivel de auga preciso no depósito” destaca Noriega.

A ETAP de Pontevea, está ó límite da súa capacidade de producción e para dimensionar a instalación é preciso un investimento dun millón de euros que xa está recollido nos orzamentos xerais do estado dende o 2008 pero que polo de agora as administracións supramunicipais, Ministerio e Xunta de Galicia, non vehiculizaron.

Novos contenedores

Venres, Xullo 23rd, 2010

instalación contenedores augas mansas

Xa están en marcha as obras de instalación dos novos contenedores subterráneos en Augas Mansas.

Non derrochar auga

Domingo, Xuño 27th, 2010

Dende o Concello de Teo pídese “un consumo responsable de auga nos vindeiros meses, sobre todo no que se refire a piscinas privadas e sistemas de rego”. De feito o goberno municipal xa deu orde de limitar o tempo de rego en zonas verdes públicas. “Sen querer parecer alarmistas, a gravidade da situación actual fai que non se descarte que durante o verán se produzan cortes puntuais de auga” explica Rafael Sisto, concelleiro de urbanismo e obras.

Información completa en concellodeteo.com: O Concello amosa a súa preocupación pola situación de escaseza de auga potable.

Xabier P. Docampo na Mediateca

Sábado, Xuño 19th, 2010

xavier p. docampo

Hoxe sábado, ás 20.30h, Xabier P. Docampo falará coa xente de Teo moi perto de Augas Mansas: na Mediateca do Grilo. Será un acto de recuperación de Memoria Histórica titulado O ensino nacionalcatólico. Experiencias dun neno dos 50.

Reproducimos a nota de prensa que emitiu a asociación organizadora, A Oliveira:

A Oliveira de Teo convida ao público en xeral a se achegar á Mediateca Municipal O Grilo, este sábado 19 de xuño, ás 20,30 horas, para asistir á charla que vai impartir o mestre, escritor, articulista de prensa, colaborador de radio e televisión, activo fundador de movementos de renovación pedagóxica, conferenciante con ampla experiencia, actividade que o levou por latitudes diversas do mundo para impartir diversos cursos, o chairego Xabier P. Docampo. A conferencia leva por título: A educación nacional católica. Experiencias dun neno dos 50.

A de escritor é talvez a labor pola que é máis coñecido Xabier P. Docamo. Está considerado por crítica e público como un dos máis relevantes de Galicia, cun papel de primeira liña na renovación da literatura xuvenil galega. Os seus libros foron recoñecidos con importantes galardóns (Feira do Libro de A Coruña, Emilia Pardo Bazán, á mellor obra de Literatura Infantil e Xuvenil en Galicia, Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil do Ministerio de Educación, Rañolas, IBBY Honour List 1996, ou The White Ravens da Jugendbibliothek de Munich).

Da Oliveira de Teo queremos resaltar tamén o seu traballo como activo militante a prol do idioma galego, que mesmo acrecentou nestes tempos que andamos, nos que a nosa lingua sufriu, e está a sufrir, un ataque sen precedentes, por parte de persoas e organizacións que practican a intolerancia desde un fanático sentimento de racismo lingüístico.

Quen escoitou algunha vez o conferenciante co que temos a honra de contar na Oliveira de Teo para esta charla que anunciamos, sabe da calidade da súa oratoria. Por iso estamos convencidos de que, da man do rigor e amenidade das palabras de Xabier P. Docampo, os asistentes participaremos nun interesante acto de recuperación de memoria histórica.

Contamos coa súa presenza nas instalacións municipais da Mediateca O Grilo, que agradecemos de antemán.

Aprobado o PXOM de Teo

Venres, Xuño 11th, 2010

¡Por fin!:

A Xunta de Galicia outorgou por fin a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación de Teo. Despois de nove anos de tramitación o Concello xa dispón dunha norma urbanística integral para o seu desenvolvemento nos vindeiros anos.

- A noticia na web do Concello.

Shakespeare para ignorantes

Luns, Maio 31st, 2010

shakespeare para ignorantes en teo

Recibimos aviso de Carme Hermida, a concelleira de cultura, de que este venres 4 de xuño ás 22:00 horas, o grupo de teatro Mofa e Befa, xunto con Quico Cadaval, representarán no Centro Sociocultural da Ramallosa (contiguo ao concello) a obra Shakespeare para ignorantes. Para non perdelo.

Sinopse: O aspecto inicial do espectáculo é o do produto didáctico en estado puro, recalcando a condición do público de colectivo carente duns concretos coñecementos. Dende esta transparencia expositiva, o primeiro que se desenvolverá na escena será a conferencia dun prestixioso profesor. Presumidamente, a conferencia pretende ser unha amena palestra para un público con coñecementos menos que básicos da imortal obra do conspicuo bardo. O profesor reclamará, para facer máis deleitosa a instrución que pretende inocular nas moleiras dos circustantes, o concurso de dous actores talentosísimos, máis temporalmente desempregados. Estes son MOFA&BEFA. (Sinopse completa na web de Mofa e Befa.)

Tamén falan desta actuación na Grileira, a web da Mediateca do Grilo: Revisitando a Shakespeare.

Residuos vexetais no punto limpo

Sábado, Maio 1st, 2010

Lemos a boa nova na web do Concello:

O Concello contrata a instalación dunha planta de tratamento de residuos vexetais no Punto Limpo. (21/04/2010)

O Concello de Teo ten adxudicada provisionalmente a construcción dunha planta de tratamento de residuos vexetais no punto limpo municipal. Esta actuación medioambiental está financiada na súa totalidade con cargo ao Fondo Estatal para o Emprego e a Sustentabilidade Local -FEESL 2010-.

Esta obra encaixa cun dos eixes deste novo fondo, que prevía o financiamento de actuacións relacionadas coa xestión e o tratamento de residuos con criterios de sustentabilidade. A obra da planta de tratamento de residuos vexetais ten un orzamento de 75.471 € e un prazo de execución previsto de tres meses. Con esta actuación quérese dotar ao Concello dunha instalación para eliminar os residuos vexetais que pola súa natureza non encaixan dentro da recollida selectiva que xa se realiza actualmente.

A planta estará no entorno do punto limpo municipal e terá un espazo de 400 metros cadrados. A empresa adxudicataria terá que facer a cimentación e a base para despois pechar o espacio. A planta estará dividida en tres silos, separados por paneis de formigón, nos que se almacenarán os residuos unha vez triturados.

Esta obra permitirá realizar o primeiro paso do proceso de obtención de humus ou abono. Con esta instalación vén a minimizarse un problema a eliminación dos residuos vexetais conseguindo obter materia útil para outros usos. O tratamento de residuos vexetais é un sistema de tratamento e estabilización de residuos orgánicos, baseado na actividade microbiolóxica en condicións controladas das que se acaba obtendo substrato.

Rexeitado de novo o PXOM de Teo

Sábado, Xaneiro 30th, 2010

Falan deste asunto en El País, na Consellería de Medio Ambiente e na propia web do Concello, por exemplo.

¡Buaaahh!

Venres, Xaneiro 8th, 2010


A piscina dos nenos de Augas mansas

Así amenceu hoxe Augas mansas e boa parte de Galicia. Colapso en Lugo e Santiago, din os periódicos. En la capital gallega la situación es muy complicada. Se ha suspendido el transporte urbano y muchos quioscos se han quedado sin periódicos por falta de reparto. Además ha estado cortado durante horas el acceso al polígono de El Tambre desde Salgueiriños y a estas horas hay que utilizar preferentemente una vía de servicio y utilizar cadenas. La policía local recomienda no usar los vehículos privados para desplazarse por la ciudad incluso en las calles más céntricas donde la fina capa de nieve caída durante la noche se está convirtiendo en hielo. Ha señalado que, si es preciso utilizar el coche, se haga con cadenas. También hay problemas en el área metropolitana de Santiago como en O Milladoiro. Con esta situación, muchas personas han tenido problema para acudir a sus puestos de trabajo porque la circulación está colapsada. (De La Voz de Galicia.)

Houbo unha pequena reunión de augamansinos a primeira hora da mañá, na piscina, para facer intercambio de bolazos :-) Subimos algunhas fotos a unha das nosas galerías de internet. Os que teñades máis imaxes deste momento especial podedes envialas a augasmansas arroba gmail.com, se queredes que as engadamos a galería.

Engadido (9 de xaneiro): Hoxe espertamos de novo co manto branco que o cubría todo. Onte recibimos no correo electrónico de Augas mansas algunhas fotos máis da neve que xa engadimos á galería web. Tamén un veciño, Diego, suxeríanos botar un vistazo a un vídeo de Santiago de Compostela nevada

neve en augas mansas

neve en augas mansas

Programa de compostaxe caseira municipal

Mércores, Outubro 7th, 2009

Lemos na web do Concello de Teo:

O Departamento de Medio Ambiente do Concello de Teo vén de abrir o prazo para solicitar a participación nun programa de compostaxe caseira. As persoas interesadas en formar parte do programa poden presentar dende hoxe 1 de outubro a ficha de inscrición, ata o 15 de outubro.

A selección dos participantes farase por rigurosa orde de inscrición polo que as solicitudes deben entregarse no Rexistro Xeral do Concello en horario de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas ou os sábados de 09.00 a 13.00 horas.

Este programa consiste na entrega dun composteiro para particulares que terá un seguimento por parte de educadores ambientais de alomenos seis meses. Para participar hai que estar empadroado, ter unha vivenda habitual en Teo e ter horta ou xardín.

Dende o Departamento de Medio Ambiente preténdese con esta iniciativa divulgar a compostaxe como método de reutilización dos residuos orgánicos. Deste xeito tamén se traballa na reducción do lixo no Concello. Unha vez rematado o prazo para anotarse organizarase unha charla informativa e entregarase o composteiro acompañado dun manual de compostaxe caseira.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras, da Xunta de Galicia subvenciona parcialmente esta iniciativa.