31 de Xullo de 2010
Lemos en concellodeteo.com:
O Concello reitera a petición de que a cidadanía faga un uso responsable da auga potable. (30/07/2010)
O Concello de Teo volve dar a voz de alarma respecto do consumo de auga potable. Nestes días polas altas temperaturas estase detectando unha escaseza de fluxo sobre todo nas zonas altas do Concello, a onde chega con pouca presión.
O alcalde explica que “nas zonas verde públicas séguese mantendo a orde de restrinxir o rego e pediríamos aos particulares que teñan en conta esta medida xa que nunha situación de escaseza de subministro débese primar o consumo para uso persoal”.
A principios de verán dende o Concello xa se trasladaba que existía o risco de que durante o verán se tiveran que realizar cortes puntuais de auga potable. Estes días de extremo calor o depósito da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Pontevea ten un volume suficiente mais é o alto consumo o que fai que o fluxo que vai polas tuberías faga que nas zonas máis altas se note escaseza.
Para evitar esta situación “a única receita que se pode recomendar a medio prazo é a petición dun consumo responsable sobre todo para regos ou piscinas” explica o alcalde. No último mes “acordouse coa empresa xestora do servizo a posta en marcha dunha segunda bomba como unha solución puntual para garantir o mantemento do nivel de auga preciso no depósito” destaca Noriega.
A ETAP de Pontevea, está ó límite da súa capacidade de producción e para dimensionar a instalación é preciso un investimento dun millón de euros que xa está recollido nos orzamentos xerais do estado dende o 2008 pero que polo de agora as administracións supramunicipais, Ministerio e Xunta de Galicia, non vehiculizaron.
Etiquetas: auga
Arquivado en concello, teo | ¿Comentarios? »
23 de Xullo de 2010

Xa están en marcha as obras de instalación dos novos contenedores subterráneos en Augas Mansas.
Etiquetas: contenedores, lixo
Arquivado en concello, obras, teo | ¿Comentarios? »
4 de Xullo de 2010

Xa están na web as fotos da noite de San Xoán e da sardiñada de 2010. Este ano hai poucas porque, dos dous fotógrafos que temos habitualmente, un estaba de viaxe (e coa cámara estropeada, para máis INRI), e o outro estaba asando chourizos.
Aquí está a galería.
Etiquetas: san xoan, sardiñada
Arquivado en asociación, celebracions | 2 comentarios »
27 de Xuño de 2010
Dende o Concello de Teo pídese “un consumo responsable de auga nos vindeiros meses, sobre todo no que se refire a piscinas privadas e sistemas de rego”. De feito o goberno municipal xa deu orde de limitar o tempo de rego en zonas verdes públicas. “Sen querer parecer alarmistas, a gravidade da situación actual fai que non se descarte que durante o verán se produzan cortes puntuais de auga” explica Rafael Sisto, concelleiro de urbanismo e obras.
Información completa en concellodeteo.com: O Concello amosa a súa preocupación pola situación de escaseza de auga potable.
Etiquetas: auga
Arquivado en concello, teo, xeral | ¿Comentarios? »
25 de Xuño de 2010

España 0 – Suiza 1, por blogpocket (cc)
Cando puxemos data á sardiñana nada sospeitábamos desta horrorosa coincidencia horaria co decisivo partido España – Chile do mundial. Non sabemos que vai ocorrer. ¿Aparecerá alguén cunha tele para que poidamos ver o partido mentres asamos as sardiñas? ¿Cantaremos os goles atragantados de chourizos e pan de bola? ¿Como responderá a comunidade augamansina ante esta complicada disxuntiva? A solución, esta noite, ás 9h, ao lado da piscina. O único que podemos garantir é que os organizadores, as sardiñas, os chourizos, as empanadas, a cervexa, a sangría e unha radio AM/FM estaremos alí coma cravos, colocando todo desde as 20.30h.
Actualización: salvo imponderables técnicos, poderemos ver o España – Chile en directo desde a sardiñada. Temos unha vella tele de tubo e trinta metros de cable de antena. Será a sardiñada máis kitsch e surrealista da historia de Augas Mansas.
Etiquetas: mundial, sardiñada
Arquivado en asociación, celebracions | Un comentario »
22 de Xuño de 2010

A cacharela de 2009, momentos antes de ser acendida.
Como xa sabedes, o mércores 23 de xuño xuntarémonos cando empece a anoitecer para celebrar o San Xoán no mesmo lugar de sempre: xunto as piscinas. Antes, a partir das cinco da tarde, Pepe estará xa alí repartindo rifas entre tódolos nenos que se animen a levar a leña para facer as dúas fogatas, a grande e a pequena. Cando a leña estea lista, terá lugar un sorteo de premios sorpresa entre os participantes.
Por outro lado, a sardiñada queda convocada para o venres 25 de xuño ás 21h. (Xa sabedes, por outros anos, que facemos a sardiñada en día diferente ao San Xoán, coincidindo coa fin de semana para que a xente que queira quedar ata a madrugada poida facelo sen ter que madrugar polo traballo ao día seguinte.) Empezaremos a colocar as mesas e o resto de bártulos necesarios arredor das 20.30h; os que se animen a achegarse a esa hora para axudar a colocar as cousas serán benvidos.
Etiquetas: san xoan, sardiñada
Arquivado en asociación, celebracions | ¿Comentarios? »
19 de Xuño de 2010

Hoxe sábado, ás 20.30h, Xabier P. Docampo falará coa xente de Teo moi perto de Augas Mansas: na Mediateca do Grilo. Será un acto de recuperación de Memoria Histórica titulado O ensino nacionalcatólico. Experiencias dun neno dos 50.
Reproducimos a nota de prensa que emitiu a asociación organizadora, A Oliveira:
A Oliveira de Teo convida ao público en xeral a se achegar á Mediateca Municipal O Grilo, este sábado 19 de xuño, ás 20,30 horas, para asistir á charla que vai impartir o mestre, escritor, articulista de prensa, colaborador de radio e televisión, activo fundador de movementos de renovación pedagóxica, conferenciante con ampla experiencia, actividade que o levou por latitudes diversas do mundo para impartir diversos cursos, o chairego Xabier P. Docampo. A conferencia leva por título: A educación nacional católica. Experiencias dun neno dos 50.
A de escritor é talvez a labor pola que é máis coñecido Xabier P. Docamo. Está considerado por crítica e público como un dos máis relevantes de Galicia, cun papel de primeira liña na renovación da literatura xuvenil galega. Os seus libros foron recoñecidos con importantes galardóns (Feira do Libro de A Coruña, Emilia Pardo Bazán, á mellor obra de Literatura Infantil e Xuvenil en Galicia, Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil do Ministerio de Educación, Rañolas, IBBY Honour List 1996, ou The White Ravens da Jugendbibliothek de Munich).
Da Oliveira de Teo queremos resaltar tamén o seu traballo como activo militante a prol do idioma galego, que mesmo acrecentou nestes tempos que andamos, nos que a nosa lingua sufriu, e está a sufrir, un ataque sen precedentes, por parte de persoas e organizacións que practican a intolerancia desde un fanático sentimento de racismo lingüístico.
Quen escoitou algunha vez o conferenciante co que temos a honra de contar na Oliveira de Teo para esta charla que anunciamos, sabe da calidade da súa oratoria. Por iso estamos convencidos de que, da man do rigor e amenidade das palabras de Xabier P. Docampo, os asistentes participaremos nun interesante acto de recuperación de memoria histórica.
Contamos coa súa presenza nas instalacións municipais da Mediateca O Grilo, que agradecemos de antemán.
Etiquetas: mediateca, xavier p. docampo
Arquivado en concello, teo, xeral | ¿Comentarios? »
11 de Xuño de 2010
¡Por fin!:
A Xunta de Galicia outorgou por fin a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación de Teo. Despois de nove anos de tramitación o Concello xa dispón dunha norma urbanística integral para o seu desenvolvemento nos vindeiros anos.
- A noticia na web do Concello.
Etiquetas: pxom, teo
Arquivado en concello, pxom, teo | ¿Comentarios? »
11 de Xuño de 2010
Esta mañá deixáronnos cortada a herba da zona verde na que celebramos o San Xoán e a Sardiñada:

Arquivado en celebracions, xeral | ¿Comentarios? »
6 de Xuño de 2010
E parece que pronto: O Concello instalará colectores subterráneos de recollida selectiva nos Tilos e en Augas Mansas.
Segundo o contrato, “o prazo de execución será de sesenta días naturais”.
Etiquetas: concello, contenedores, lixo
Arquivado en concello, obras | ¿Comentarios? »